quinta-feira, maio 17, 2018

Quen me dera en Lobeira


Lobeira é a Luparia, ese espazo mítico da Raia Seca onde os poucos homes e as mulleres que quedan habitan un mundo borroso entre a memoria e o esquecemento, na brétema entre unha das maiores necrópoles megalíticas de Europa e o río Limia ou Lethes. Un principio do mundo no que Plácido Romero nos introduce con lirismo, mestría e sensibilidade, a través de imaxes gravadas dende hai máis de tres décadas nestas terras arraianas, que con esta obra de arte xa fican para sempre con nós.  

As imaxes de Plácido Romero apreixan a vida e o tempo, ou mellor dito, os tempos da Luparia, cunha montaxe escultórica, de artesán e orfebre do miúdo e do cotián, armando unha peza soberbia, que consegue tocar o corazón e a alma mesmo transformándonos, deixando claro de onde vimos e facéndonos sentir orgullosos da nosa identidade, mais tamén abrindo interrogantes sobre o noso futuro colectivo, mesmo removendo as conciencias e facendo que os privilexiados que asistimos onte á preestrea deste documentario sexamos hoxe xa un pouco mellores seres humanos para sempre.   

Beizóns a este gran mestre e mago do audiovisual por este agasallo de valor incalculable, tanto para os espíritos que pululan entre a Mota Grande e a Grama do Corno Dourado, dende hai 5.000 anos, como para o Xocas e para o seu irmau Xurxo, cuxa casa esmorece polo desleixo e o abandono (eiquí hai un berro reivindicativo), e sobre todo para os que hoxe resisten e habitan aínda na Luparia... e para os que se foron vivir a outros lugares na procura dun traballo e dun futuro, esa derradeira xeración dun colexio que hoxe é un xeriátrico, mais que algún día, se cadra, han voltar para repoboar estas terras, cargados de imaxinación e novos proxectos vitais que os fagan entroncar de novo coas fondas raizames da Luparia. Eiquí está a maxia do cinema. 

      
   

terça-feira, maio 01, 2018

O Tempo na Luparia (preestrea en Ourense)

A véspera sempre foi mellor que o día grande. Ou así o pensamos e practicamos nós, os que habitamos no Purgatorio, dende a noite dos tempos. Por iso que o 16 de maio, ás 20 horas, o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle a preestrea internacional dun documental titulado "O tempo na Luparia" unha desas obras de arte que son tan imprescindibles como pouco habituais no noso país. 

Veleiquí o do de peito como autor de Plácido Romero, un artesán do cinema, un mestre de cineastas e tamén, por suposto, e por enriba de todo, un mestre da vida, para os que tivemos a sorte de que se cruzara na nosa vida.  

Plácido Romero fai "un hixiénico exercicio de memoria, cunha perspectiva, lírica, do paso do tempo, na Luparia (Lobeira), o paradigma de calquera outro territorio da Galicia interior, cun forte sentimento de identidade marcado por un pasado lendario, un presente desconcertante e a esperanza nun futuro mellor", segundo anuncia. 

A historia, a etnografía, a política, a pegada imborrable de Xaquín Lorenzo e a vida cotián, sosteñen a existencia no tempo destas terras arraianas, pero tamén o tempo habita nelas, conformándoas e determinándoas. Iso é o que nos transmite este documental, producido por Arraianos Producións.  E o autor pregúntase: "Reinventarase este mundo para sobrevivir nun mañá dominado pola tecnoloxía e a intelixencia artificial?". No medio do holocausto do rural, aínda existe a ilusión e a esperanza dunha vitoria sobre o desalento. 

Só a beleza nos pode salvar a desfeita, e este documental de Plácido Romero é unha peza audiovisual tan fermosa e intimista como necesaria e catártica. Por iso e por todo o demais, beizóns, mestre. E parabéns aos que imos asistir á preestrea de #otemponaluparia, o vindeiro 16 de maio, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Despois diso, tod@s seremos mellores persoas. Por obra e graza do espírito irredento e arraiano do Plácido Romero, alias Sir Pla.         

segunda-feira, novembro 20, 2017

IV Festival Internacional de Cine Rural de Galicia "Carlos Velo" e Compostela cultRural


Vimos cun feixe de ideas e proxectos enriba da cabeza. Entre o 12 e o 17 de decembro de 2017, Compostela volve a converterse na capital da cultura rural de Galicia, coa celebración do IV Festival Internacional de Cine Rural "Carlos Velo", que vai traer até a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o mellor #ruralcinema do mundo, onde máis de 300 traballos, entre curtametraxes de ficción e documentais aspiran a ser finalistas, e tamén grazas o lanzamento do proxecto multidisciplinar Compostela CultRural, que pretende crear unha rede de cooperación para reflexionar sobre o papel do rural no Santiago do século XXI. 

Nesta edición contamos co apoio do Concello de Santiago, como principal patrocinador institucional, e con Cafés Candelas, como principal patrocinador privado, ademáis da colaboración da Universidade de Santiago, o Ministerio de Agricultura, Pesca, Medio Ambiente e Alimentación e outros actores públicos e privados interesados en propiciar este debate sobre o papel do rural no mundo contempráneo. 

domingo, julho 23, 2017

I Encontros Arraianos de Cine Rural de Entrimo


Arraianos do mundo, Agosto vai vir cargado de boas novas. Tralo noso paso, na primeira semana do mes vindeiro, por un dos mellores festivais de documentais do mundo Arraiano, o festival Filmes do Homem de Melgaço, onde imos colaborar na organización do Encontro Arraiano de Cinema, ao que por suposto estades tod@s convidad@s, imos celebrar, os días 9, 10 e 11 de agosto, os I Encontros Arraianos de Cinema Rural de Entrimo (Ourense). E isto só na primeira metade do mes...

Deixámosvos eiquí un pequeno avance da programación para que vaiades reservando un oco imprescindible entre festas, praias, andainas, bimbas e contubernios varios...

I Encontros Arraianos de Cine Rural de Entrimo

Mércores, 9 de agosto de 2017.
20 horas. Casa da Cultura de Entrimo.
Presentación e proxección do documental 100% Celso Emilio Ferreiro”, de Aser Alvarez.

Xoves, 10 de agosto de 2017
19:30 horas. Casa do Concello. Terrachán. Entrimo.
Acto de nomeamento Arraiano Maior 2017 por parte da Asociación Cultural, Ecoloxista e de Desenvolvemento Rural Arraianos a Paula Godinho (individual) e Ao Norte (colectivo). Entrega de diplomas e actuación musical dos Rampeiros.
20:30 horas. Casa da Cultura de Entrimo.
Presentación do libro Arraiano entre Arraianos”, de Xosé Luís Méndez Ferrín.
22:00 horas. Campo da Feira da Terrachán. Cine ao aire libre.
Presentación e estrea internacional no Val do Limia do documental Cesteando”, de Plácido Romero, coa actuación dos Rampeiros e a participación do director e protagonista.

Venres, 11 de agosto de 2017.
20:30 horas. Casa da Cultura de Entrimo.
Sesión do Cineclub Carlos Velo, coa proxección das curtametraxes gañadores das últimas edicións do Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo.
Pases especiais das curtametraxes de Arraianos Producións, “Fronteiras de enerxía animal” e “Carlos Velo en México”.  

    

domingo, março 26, 2017

O Cineclub Carlos Velo en Ourense



O vindeiro xoves e venres, 30 e 31 de marzo, o Cineclub Carlos Velo, proxecta alguns dos traballos gañadores nas tres ultimas edicions do #FICCVelo. 

Deixámosvos eiquí un petisco do menú que poderedes degustar na Bela Auria. 

E como prato forte contamos co II Encontro de Cinema Arraiano e coa presentación do documental Cesteando, do gran cineasta e mago do audiovisual galego, Plácido Romero, quen vai estar acompañado por Toño do Val, o protagonísta desta reflexión contemporánea sobre o mundo rural e o desexo de liberdade. 

Vémonos o xoves e venres pola tarde no Cineclube Padre Feijoo, na biblioteca pública de Ourense.

terça-feira, janeiro 10, 2017

De Sísifo ao Purgatorio

Xa vedes que seguimos con Leiro a voltas, Leiro ao estilo Leiro, dende Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro até o mesmísimo Purgatorio. Deixámosvos eiquí un pequeno avance do novo documental de Arraianos Producións sobre o escultor Paco Leiro, editado por Mariana Romero e dirixido por Aser Álvarez.

E lembrade que até o vindeiro 28 de xaneiro aínda podedes visitar de balde a expo "Os traballos e os días de Francisco Leiro" no Café Moderno de Pontevedra. Deixámosvos eiquí tamén este artigo de Ramón Rozas sobre este proxecto expositivo sobre o proceso de rodaxe destes dous documentarios. E en breve, a preestrea de Sísifo Confuso en Galicia.