terça-feira, dezembro 09, 2008

Un relato arraiano de Noelia Rodríguez

“Galicia, será a miña xeración quen te salve? “

Uxío Novoneyra

A xeración dos papaventos
Na tradición chinesa, cando fina unha persoa, acostúmase botar a voar un papavento na súa sepultura, coa esperanza de que a sua alma atinxa antes o firmamento.
Os que nacemos após a ditadura, somos o reflexo dunha xeración que se debate entre un ceo sulcado de paxaros de papel, dos que deixamos pendurados os proxectos que tiñamos para mudar o mundo non hai moito, e ise ar contaminado e contaminante que irremediablemente nos vemos obrigados a respirar; o dunha sociedade que non só deu cabo da alba tea dos papaventos senón que nos está a abafar tamén a nós.
Cando me refiro á miña xeración, refírome a todos os que nacemos sob a alargada sombra da pantasma de Franco ou nos albores da Transición, tanto ten; a primeira que tivo dereito a estudar na súa lingua nai –en galego, en castelán ou en inglés, sirva esta aclaración para os que me malinterpretan tan a miúdo -, a primeira xeración da democracia, en fin. Tal confluencia de factores favorabeis, semellante marco histórico, deulle a moitos lugar para albergar a esperanza de que ós nacidos na segunda metade da década dos “70’s” , ou sexa, os que xa non eramos nen hippies nen resistentes antifranquistas, nos correspondía con todo facer algo grande pola historia, polo decorrer dise tempo esperanzador que se proxectaba fronte a nós.
Até hai ben pouco tempo, eu tamén tiña a firme convicción de que nos correspondia mudar a orde das cousas. Pero non sei se foi polo que dan en chamar crise dos trinta, que che inxecta unha dose de realismo contra o virus da imaxinación, ou porque voltei ó meu pais logo dun longo exilio voluntario, e en lugar de atopalo mudado como agardaba, entendín que os maus costumes impartidos durante o longo e gris goberno do Sr.Iribarne tiñan contaxiado a moitos dos que medraron comigo, que hoxe me custa un mundo recuperar o fio maltreito do papavento que deixei voando ó abrigo do nordés. A considerar, pois, ise abismo entre o tempo no que botamos a voar páxaros de papel e istoutro en que nos convertemos nunha xeración orfa de ideais sobre tinta, cadernos e outros materiais menos estudados pero igualmente nobres. A considerar tamén, e malia todo, ise abismo entre min i eu mesma, que deixei ó igual que moitos dos meus contemporáneos, parte dos meus nobres ideais pendurados dun fío nalgures e hoxe non dou con iles, nen nas revisitadas rúas de Compostela onde tantas veces berramos consignas revolucionarias contra todo canto nos petaba, nen en tantos papeis riscados, nen sequera nos que están por riscar.
Na miña xeración, houbo sempre grupos ben definidos: os que eran de “aldea” e os que eran de “cidade”, os que falaban galego e os que non querían falalo –sobre iste tema, tamén é certo que os meus pais nunca me pediran o meu parecer coa excusa de que cantos máis idiomas falase mellor-; había tamén o grupo dos que souberon primeiro de vendimas e sementeiras e logo de libros, e o dos que pensaban que naceron aprendidos e hoxe non son ninguén, en fin, o dos que gardaban a fé en que o leite de vaca que nos venden en cartóns seguiría a ter o gosto inconfundible do que muxían as nosas nais, e o dos que non viron unha vaca dar leite na sua vida .
Houbo, sen embargo, un lugar no que todos, indistinta e naturalmente, confluimos e nos mesturamos compartindo como bos correlixionarios que eramos, ideais e ribeiro a dez pesos no Franco. A universidade obrou o miragre de que os que nunca falaran galego, se tornaran galeguistas, -sen acento, iso sí- pero galeguistas á fin; aquiles que nunca ergueran un dedo, nen sequera para protestarlle ós pais porque os facían ir á misa cada domingo, protestaban agora pola enésima nova lei universitaria, polo amarradoiro privado dalgún político corrupto e mesmo polo recorte da cota láctea para os labregos. É dicir, tanto tiña de onde e cara onde fosemos, nise cruce de camiños, de futuros, e de pensamentos que é a universidade, todos tiñamos sitio, voz e respeito polo alleo.
Despois, como é natural, cada un seguiu o seu camiño... Uns, moitos, convertéronse a relixión dos que promulgaban “o que non poidas facer por ti mesmo, a política faino por ti” que, sexamos claros, é máis un xeito de sobrevivir niste noso país ca un obxectivo por sí mesmo; outros non voltaron a falar galego na sua vida para evitar malentendidos, e o resto, desperdigámonos polo mundo adiante obrigados polo que deixabamos atrás, máis tamén, por todo canto nos agardaba no ourizonte. Agora, claro está, non é doado recuperar todo aquilo no que criamos, ben porque a sociedade na que vivimos non aceita de bo grao voces discordantes, ou porque cada un foi deixando de crer nunhas cousas e crendo noutras, o cal tamén é natural e humano. Mesmo así, existen ainda foros comúns nos que por veces coincidimos, amais de ceas cos compañeiros da “uni”, comidas cos amigos da “aldea” que xa só nos xuntamos nas festas e días de gardar, e como non, moitos de nós, teimamos en seguir a defender o leite de vaca, as artes de pesca tradicionais, o dereito a ter un ensino en galego e a agasallar ós nosos sobriños, afillados e demáis con literatura na nosa lingua, para que polo menos saiban que existe, e cando veñan á aldea de fin de semana se poidan entender cos seus avós e aprender historias, contos e cantigas de arrolar que tamén instrúen, ainda que doutro xeito.

Miña avó, que gostaba de falar cos ditos dos vellos, dicía a miúdo que nós eramos así porque nolo deron todo cociñado, e malia que non lle falta razón, eu teño a certeza de que non somos unha xeración perdida. Na miña xeración hai moitos que pensan que nunca vivimos mellor ca hoxe, pero moitos máis, estamos convencidos de que o mundo que lles deixemos ós nosos fillos merece ser mellor ca iste en que vivimos. Outra cousa non sexa, polo menos ensinarémoslles a voar papaventos.

Sem comentários: