quinta-feira, maio 17, 2018

Quen me dera en Lobeira


Lobeira é a Luparia, ese espazo mítico da Raia Seca onde os poucos homes e as mulleres que quedan habitan un mundo borroso entre a memoria e o esquecemento, na brétema entre unha das maiores necrópoles megalíticas de Europa e o río Limia ou Lethes. Un principio do mundo no que Plácido Romero nos introduce con lirismo, mestría e sensibilidade, a través de imaxes gravadas dende hai máis de tres décadas nestas terras arraianas, que con esta obra de arte xa fican para sempre con nós.  

As imaxes de Plácido Romero apreixan a vida e o tempo, ou mellor dito, os tempos da Luparia, cunha montaxe escultórica, de artesán e orfebre do miúdo e do cotián, armando unha peza soberbia, que consegue tocar o corazón e a alma mesmo transformándonos, deixando claro de onde vimos e facéndonos sentir orgullosos da nosa identidade, mais tamén abrindo interrogantes sobre o noso futuro colectivo, mesmo removendo as conciencias e facendo que os privilexiados que asistimos onte á preestrea deste documentario sexamos hoxe xa un pouco mellores seres humanos para sempre.   

Beizóns a este gran mestre e mago do audiovisual por este agasallo de valor incalculable, tanto para os espíritos que pululan entre a Mota Grande e a Grama do Corno Dourado, dende hai 5.000 anos, como para o Xocas e para o seu irmau Xurxo, cuxa casa esmorece polo desleixo e o abandono (eiquí hai un berro reivindicativo), e sobre todo para os que hoxe resisten e habitan aínda na Luparia... e para os que se foron vivir a outros lugares na procura dun traballo e dun futuro, esa derradeira xeración dun colexio que hoxe é un xeriátrico, mais que algún día, se cadra, han voltar para repoboar estas terras, cargados de imaxinación e novos proxectos vitais que os fagan entroncar de novo coas fondas raizames da Luparia. Eiquí está a maxia do cinema. 

      
   

terça-feira, maio 01, 2018

O Tempo na Luparia (preestrea en Ourense)

A véspera sempre foi mellor que o día grande. Ou así o pensamos e practicamos nós, os que habitamos no Purgatorio, dende a noite dos tempos. Por iso que o 16 de maio, ás 20 horas, o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle a preestrea internacional dun documental titulado "O tempo na Luparia" unha desas obras de arte que son tan imprescindibles como pouco habituais no noso país. 

Veleiquí o do de peito como autor de Plácido Romero, un artesán do cinema, un mestre de cineastas e tamén, por suposto, e por enriba de todo, un mestre da vida, para os que tivemos a sorte de que se cruzara na nosa vida.  

Plácido Romero fai "un hixiénico exercicio de memoria, cunha perspectiva, lírica, do paso do tempo, na Luparia (Lobeira), o paradigma de calquera outro territorio da Galicia interior, cun forte sentimento de identidade marcado por un pasado lendario, un presente desconcertante e a esperanza nun futuro mellor", segundo anuncia. 

A historia, a etnografía, a política, a pegada imborrable de Xaquín Lorenzo e a vida cotián, sosteñen a existencia no tempo destas terras arraianas, pero tamén o tempo habita nelas, conformándoas e determinándoas. Iso é o que nos transmite este documental, producido por Arraianos Producións.  E o autor pregúntase: "Reinventarase este mundo para sobrevivir nun mañá dominado pola tecnoloxía e a intelixencia artificial?". No medio do holocausto do rural, aínda existe a ilusión e a esperanza dunha vitoria sobre o desalento. 

Só a beleza nos pode salvar a desfeita, e este documental de Plácido Romero é unha peza audiovisual tan fermosa e intimista como necesaria e catártica. Por iso e por todo o demais, beizóns, mestre. E parabéns aos que imos asistir á preestrea de #otemponaluparia, o vindeiro 16 de maio, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Despois diso, tod@s seremos mellores persoas. Por obra e graza do espírito irredento e arraiano do Plácido Romero, alias Sir Pla.